Entrevista | Jesús Vázquez, «Core» Os traballos do artista boirense están a ser moi demandados, sobre todo despois de que Arousa Norte lle encargara a elaboración dos pisapapeis que converteu en orixinal agasallo
01 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O veciño de Cabo de Cruz Jesús Vázquez, Core , compaxina os seus estudos na escola de cantería de Pontevedra coa elaboración de esculturas en pedra que están a causar auténtico furor na comarca. Os seus traballos máis coñecidos son os pisapapeis que se están a converter en símbolo da mancomunidade Arousa Norte, nos que se reproducen os petroglifos máis destacados da zona. -Todo por encargo. Non teño unha temática determinada. De feito, fago dende figuras abstractas ata os típicos santiños, o que vai pedindo a xente, sempre e cando sexa en pedra. -¿A que se debe a predilección por este material? -Empecei a traballar en madeira e despois fixen algo de forxa, pero cando probei coa pedra decateime de que era o que en realidade me gustaba. -¿Como xorde a idea de facer os pisapapeis da mancomunidade? -Todo comezou co programa que puxo en marcha o Concello de Boiro para percorrer as distintas parroquias do municipio. Os participantes na ruta por O Castro visitaron a casa da miña familia e viron unhas reproducións de petroglifos que hai no xardín. A idea gustou e foi a partir daí cando Arousa Norte se interesou por elas. -¿Que lle pareceu a vostede a idea? -Ao principio causoume certa graza, porque querían facer pisapapeis, e iso non era o meu. Pouco a pouco vin que eran pezas demandadas e decateime de que a idea tiña futuro. Creo que os pisapapeis son un bo símbolo para a comarca. -¿Cales son os petroglifos que se reproducen nestes pisapapeis? -Hai catro variedades, unha por cada municipio da comarca. Reprodúcese a Pedra das Cabras de Ribeira, a Misarela da Pobra, O petroglifo dos Mouchos de Rianxo e un gravado que hai na Casota do Páramo boirense. -¿Cre que a escultura ten futuro nesta comarca? -Apenas levo cinco anos dedicándome a isto e non teño experiencia suficiente para xulgar, pero considero que ten futuro, porque a pedra é un material cada vez máis demandado. Eu invito aos mozos interesados na escultura a animarse, porque en Barbanza aínda hai pouca xente que se dedique profesionalmente a esta actividade e penso que ten saída.