Xogar en equipo

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

17 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

IMAXINEMOS A España na final da copa do mundo de fútbol, o grande trofeo nunca alcanzado pola selección, que a imaxinación é libre e a día de hoxe aínda podemos soñar. Imaxinemos que, despois de moito tesón, paciencia e unha serie de circunstancias favorables, aí están raúles e puyoles dispostos a traer o prezado trofeo. Eles, que durante a liga son inimigos coñecidos e recoñecidos, agora deben canear xuntos, mentres a inchada do Madrid e do Barcelona, por unha vez na historia, recoñece os valores do outro e se dan ánimos. Unha oportunidade como esta non se pode deixar escapar. Certo que só é un xogo, pero que aporta moita ilusión a afeccionados e non afeccionados. No vestiario, o adestrador exhorta aos xogadores, que a meta é saír como unha piña, que a meta é esquecerse das pequenas liortas do día a día, que a meta é xogar en equipo, que a meta é marcarlle goles ao contrario, que todos os cidadáns deste país agardan que estean á altura das circunstancias e só a unión fai a forza. Pero, de súpeto, sobre o terreo de xogo, a raúles e puyoles invádeos unha sombra sen nome, e uns e outros, aínda sabendo que o inimigo é o equipo que está fronte a eles, déixanse levar do propio egoísmo e pregúntanse: ¿virá a Barajas ou ao Prat o avión que traia a copa? E para que ningún comentarista diga que estes son mellores ou peores que aqueles, entre eles póñense a cambadela, pásanse balóns con trampa e uns e outros amosan as súas diferencias con xustificacións absurdas. Imaxinade, se tal sucedese, a tremenda crise nacional que se abriría, os debates en radio e televisión, os editoriais de prensa, os sermóns da Igrexa e os parladoiros de taberna pedindo a expulsión do país do xogador que tal fixese. Sen embargo, aí están os políticos nacionais, dispostos a sacar tallada da súa desunión contra o terrorismo, só para que estes non sexan máis que aqueles.