Morbo e ilegalidade

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

10 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CABE PREGUNTARSE se cando unha prostituta estea afiliada á Seguridade Social, emita facturas con IVE, pague os seus impostos, e teña carné profesional e de afiliación sindical, seguirá sendo tan morbosamente atractiva e desexada como agora que curra na semiclandestinidade. É hipocritamente perverso pensar que mantendo ese gremio na ilegalidade se reduce o pecado, como aquel cura do Decamerón lle dicía ó seu acólito: un pecado agochado está medio perdoado. Pois clandestinas serán, pero o catálogo de servizos, tipos e prezos que poxan nos periódicos máis serios deste país, son tanto ou máis extensos e explícitos que o das ofertas dun hipermercado. ¿É iso ilegalidade? ¿Ou son ilegais para que a Seguridade Social non teña que gastar cartos con elas?. Vén isto a conto porque acabo de cruzar unha céntrica rúa de Madrid, entre a Gran Vía e a Praza do Sol, coas beirarrúas ateigadas de rapazas e non tan rapazas, ofrecendo os seus abrazos por un módico prezo, na mesma rúa pola que pasean varios policías uniformados mirando para outro lado, e tipos con áureas cadeas, aneis e barba de resaca crónica, manexando billetes e chaves, ou repartindo consignas de boca a orella nunha xerga de arrabalde, mentres as vixiadas e controladas proletarias do sexo, usan entre si acentos foráneos. É o lugar das estranxeiras, como podía ser o das nativas, sexa como sexa, un lugar máis onde se pon de manifesto que a morbosa ilegalidade só produce discriminación e asoballamento escravista co consentimento da xente de ben, mentres son explotadas legalmente á vista de todos, no centro máis céntrico de Madrid, ata onde foron atraídas con promesas contra a miseria e ofertas dun traballo doado de desempeñar, conquistadas cos aloumiños dunha fortuna redimidora, ó lado da pasma máis pasma que nos poidamos imaxinar, para acabar asinando contractos a trompada fixa. Haberá de todo, claro que si, pero hai quen fai o que lle gusta ou o que quere, e outras que non teñen máis remedio que facer o que lles mandan.