LINGUA PROLETARIA | O |
27 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.NUNHA ENTREVISTA que lle facían ó novelista norteamericano Edgar L. Doctorow, este dicía que o historiador é quen conta os feitos e o novelista quen chega ó fondo dos sentimentos, e que así, para saber, por exemplo, sobre a Rusia do XIX, tan importante como un manual de historia quizais sexa ler a Tolstoi ou a Chejov. Lía esta entrevista un sábado e o domingo recibo o galano de Manoel Riveiro Loureiro en forma dunha novela súa recentemente publicada: Xullo-Agosto . Unha novela que mereceu o premio Lueiro Rei e que narra o acontecido na cidade departamental de Ferrol nos días inmediatos ó alzamento contra o goberno da República; e de volta á casa, dediquei a tarde a ler o galano e a constatar que o amigo Riveiro Loureiro cumpre co dito por Doctorow, dándonos unha lección de como non se necesitan estridencias para denunciar a aberración daqueles días. Lévase escrito moito sobre a Guerra Civil (incivil, prefiren dicir algúns), pois unha guerra así non só lle deixa a pegada da amargura a quen a sufriu, senón tamén ás xeracións posteriores, que teñen que vivir coa herdanza das vidas truncadas, da inxustiza que uns sufriron ou da vergoña que as lembranzas lle fan pasar. Unha guerra incivil non remata cun tratado de paz, dura ata que a memoria se perde ó cabo de non se sabe cantas xeracións, que irán rememorando as lendas familiares e sinalando co dedo acusador ó veciño incivil daqueles días. Como cando Riveiro Loureiro nos transmite a amargura dos numantinos mariñeiros do Cervera ó ser levados á cadea, e como entre o xentío que os insultaba ó seu paso, o protagonista recoñece a coñecidos militantes republicanos. Entendo(entende o autor) que era o medo, que como el di, «é algo tan destrutivo que pode botar por terra ata os máis altos valores humanos». A novela enganchoume, e ás once da noite dese domingo, tíñaa lida e feita unha viaxe por aqueles duros días de setenta anos atrás, que me deixou sensación de reconforto, como sempre que les algo capaz de facerche comprender o pasado desde as sensibilidades de hoxe.