LA LLAVE
26 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O CONCELLO de Noia vai propoñer que o 2007 sexa o ano de María Mariño. Boa iniciativa que, de saída, debía contar co apoio de todos, deixando de lado discrepancias políticas e dúbidas que non valen para ren, máis aló da teima de marcar diferenzas partidistas. Anos haberá para propoñer outros creadores, porque, afortunadamente, hai máis dos que podiamos pensar até hai ben pouco. Certo é que temos aínda por levar ao máis alto da cultura galega a xente das letras e das artes, pero o oportuno é turrar todos polo mesmo obxectivo, e no 2007 celébrase o centenario do nacemento da poetisa noiesa, que tamén deixou a súa pegada en Boiro, vila que lle vai dedicar unha rúa. Hai xente que aínda non é consciente de que os pobos non só progresan con urbanismo e investimentos, as artes en xeral son piares imprescindibles, porque incluso as vilas deben ter máis cerebro que músculo.