DESDE FÓRA | O |
19 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.PENSÁNDOO BEN, 75 anos non son nada. Poida que estes anos dos que quero falar si sexan diferentes. Dende aquel 14 de abril de 1931, data da proclamación da segunda república, moito ten acontecido na España para ben e para mal, dende aquel día no que a nosa historia quixo catapultarse na esperanza. Esa esperanza fíxose realidade. Para os españois presentábase a grande oportunidade de refacer o sistema democrático. (gobernar en España non é, nin foi, tarefa doada ). A expectación e a conciencia pública que a segunda república espertou na cidadanía do país, foi, posiblemente, a etapa máis emocionantes da nosa historia moderna. A república mandou construír 16.000 escolas, fixo unha ampla contribución cultural a través das misións pedagóxicas, ou participou na aventura teatral da Barraca. O réxime republicano legalizou a incorporación á vida pública do voto feminino ( igualdade legal e social para a muller). A república traía un vento fresco e significativo, o afloramento do urbanismo, os enlaces do ferrocarril, os dereitos da clase traballadora e a chegada das vangardas artísticas en tódalas súas manifestacións. Galicia non foi allea a esta eclosión . A vitalidade republicana tamén prendeu nos concellos do Barbanza e a súa pegada resultou fonda e perdurable. A Galicia republicana pasa pola xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos, os Arquivos Históricos Provinciais e o protagonismo que adquiriu a nosa lingua. Así, ata rematar co logro do Estatuto de Autonomía que a rebelión fascista truncou ata o restablecemento do réxime no ano 77. Este artigo de prensa non é máis ca un recordo, un exercicio de memoria para aquela flor, que a pesares da longa guerra civil, máis corenta anos de ditadura de Franco non foron quen de extinguir o espírito republicano de abril, abril.