DENDE FÓRA | O |
17 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.TÉÑOLLE DEVOCIÓN a San Bieito de Seráns dende que unha persoa, non lembro se na misa do inverno ou na que se oficia no verán, lle levou uns ovos e, milagrosamente, curoume unha dorosa verruga, aínda que nunca puiden achegarme á súa capela que, disque, ten unha fermosa panorámica. Tamén me mola que a mitoloxía diga que Noia foi fundada por unha bisneta de Noé e que en Neixón toparan un castro do século VIII antes de Cristo, no que os seus moradores xa gustaban dos mariscos e non digamos xa o que disfruto no cumio da Curotiña. Sen falar dos pementos de Padrón, das xoubiñas de Rianxo ou das empanadas de millo que fai o panadeiro de Artes. Pero todas estas cousas serven de ben pouco para potenciar a industria do turismo nesta bisbarra. Digo isto para referirme á preocupación que teñen os dirixentes dos nosos clubes náuticos polas multas e restriccións que sufren cando os seus asociados queren disfrutar do medio ambiente no que atinxe á pesca deportiva ou de lecer, derivadas da lei 15/2002, que declara Parque Nacional Marítimo-terrestre as Illas Atlánticas de Galicia. Como xa dixen moitas veces, as leis son boas cando se aplican con sentidiño. ¿De verdade que alguén pode pensar que estas tripulacións, o mesmo que teño defendido dos pescadores xubilados, poden supor a esquilmación dos fondos mariños das illas Cíes, Ons ou Sálvora?. O que temos que decatarnos é de que os colectivos náuticos da zona suman máis de catro mil socios e de que, por exemplo, o pobrense, que tan ben dirixe Alfonso Castillo, é porto de referencia para as embarcacións alemanas. Ou ter en conta que os donos deste tipo de embarcacións mercan aquí segundas vivendas, coa repercusión que iso ten para as industrias auxiliares, o comercio e a hostelería, alí onde hai uns bos clubes en funcionamento. Por certo, nada vexo con relación a estes deportes mariños nos traballos da Mancomunidade Arousa Norte. ¿Será que estou trabucado no desenrolo do tema desta columna de hoxe?.