Corre que che pillan

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

10 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI PREOCUPACIÓN pola posibilidade de que a factoría que Calvo ten en Esteiro peche, o que non sería un caso illado do sector na bisbarra e teño o convencemento pleno de que, cando así o decida así o fará, sen ningún outro plantexamento máis que o da falla de rendabilidade, como lles pasou cos callos con garabanzos. Francisco López Capont, falecido en novembro, asesor da FAO e un dos pioneiros da tecnoloxía pesqueira en Galicia, vaticinou que as conserveiras galegas non teñen futuro a nivel internacional, criticando duramente as políticas agropecuarias da UE, criterio que, de seguir así, comparto, pero coido que, cun pouco de imaxinación, algo poderemos arranxar. Lembro, lustros hai, que un amigo garda civil retirado agasallábame, de cando en vez, cunhas deleitosas latas de conserva de carne vacún que viña da Arxentina e que el mercaba nas cooperativas que os estamentos militares tiñan para si. Xamais as vín nos mercados. Nas lonxas pecuarias de España, o kilo de tenreira en canal, en orixe, anda arredor dos tres euros, mentres que nos catro grandes países do chamado Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai), os prezos non chegan a un euro. A verdade é que eu non son especialista no tema, pero tendo esta bisbarra os coñecementos, a tecnoloxía e os mercados conserveiros, ¿non sería interesante diversificar os productos coa capacidade que temos de chegar a acordos con estes países sudamericanos?. Mentres non se arranxen os problemas estruturais por mor do minifundio, que precisa urxentemente unha reforma legal, algo haberá que facer, coma seguir o exemplo dunha cooperativa lucense que enlata grelos deshidratados que, de seguro, será todo un éxito, como o será a carne de rubia galega nos mercados máis esixentes, xa que, ou corres ou te pillan.