Novas da primavera

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

04 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

VOLVEN AS andoriñas coa primavera nas ás e un pouco do sangue de Cristo no babeiro, como a señora Etelvina nos conta que di a lenda, disfrazada de evanxeo apócrifo, de cando, querendo aliviar a dor de Xesús, unha destas piadosas aves lle foi quitar as espiñas da coroa, e salpicoulle unha pinga de sangue divino. A señora Etelvina xa cumpriu os noventa anos e, desde a fiestra do seu cuarto contempla o mar largacío perdido aló tras a boca da ría, tras a porta do mar de fóra que aquí se chama Sálvora, agardando a volta da primavera e unha carta que non chega e lle deixa unha serena e resignada marca de dor no fondo do peito. Volven as aves, e porque veñen co tempo da luz e da calor, cando florecen os campos e a natureza se viste de cores, a crenza popular asegura que traerá a boa sorte, sobre todo para aquelas casas onde tecen o seu niño de oleiras; ano tras ano baixo o mesmo aleiro, retocado cada tempada para reparar os estragos do inverno, como un mariñeiro en terra, disposto a darlle uso ó cacharro da pintura. A min contáronme que cando a señora Etelvina era camareira no pazo de Xunqueiras, atoulle a unha andoriña un papel na pata no que contaba onde pasaba o verán e preguntando en que outra casa vivía en inverno, agardando a boa fámula establecer, por medio da ave, unha boa relación de amizade con algún pazo das mil e unha noites. Pero cando ó ano seguinte volveu, a andoriña traía recado dun zapateiro de Casabranca, cunha frase chea de soños e degoiros para o día que, como o paxariño, tamén el cruce o estreito; e ela buscou o peto do escote, para gardar aquel papel onde se gardan as ilusións. A señora Etelvina e o zapateiro marroquí, estivéronse carteando durante un período de máis de dez anos, a través de toda unha saga de andoriñas carteiras, ata que un ano faltou quen habitase o niño e lle trouxese novas. E ese ano, a señora Etelvina ficou ensimesmada diante dun espello, no retiro do seu cuarto de Penélope, tecendo e destecendo soños.