Solidariedade

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

24 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A PUXANZA de Ribeira non é unha casualidade, senón o froito de varias circunstancias ben aproveitadas e que merecen un recoñecemento xeral. Do mesmo xeito que os mercadores de Venecia, no século X, se lanzaron polos sete mares para facer os seus soados negocios, os ribeirenses aproveitaron o coñecemento, primeiro dos mares más pretos e, despois dos océanos máis lonxanos e das súas riquezas para asentar unha actividade pesqueira de primeira magnitude. Mentres, o narcisismo de pobos como A Pobra, escolleron seguir na industria da conserva iniciada polos cataláns co salgado de peixe e mantendo o seu puritanismo burgués ata non fai moito en que algúns empresarios e dirixentes políticos, caso de Segundo Durán, entenderon que había que trazar outros derroteiros, o mesmo que pensaron Paquito en Boiro ou Bravo en Rianxo. Pero o feito da consistencia do sector pesqueiro ribeirense non é argumento inmutable para que se teñan que centrar alí os investimentos portuarios para outras actividades da economía da bisbarra, caso das cargas e descargas. Tampouco se entende que, por unha banda, se defenda unha España descentralizada e, por outra, unha concentración comarcal. É moi loable a actitude de Torres Colomer, como non podía ser menos, arrimando a ascua a súa sardiña. O que xa non se entende é que, por exemplo, iso non o faga tamén Isaac Maceiras, semellando ser a Xunta a que está a tomar a iniciativa desa necesaria solidariedade entre todos os concellos. Cómpre subliñar, no mesmo senso, a proposta de que Ribeira e A Pobra compartan un parque empresarial. O máis perigoso é que se reproduzan pelexas doutros tempos, polo que sería conveniente que, ademais de política se faga pedagoxía, xa que do que se trata é de diversificar todas as potencialidades da zona, iso tamén é bo para Ribeira.