DESDE FÓRA | O |
22 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.CADA VEZ que o camiñante avanza e deixa voar os ollos, o mundo que coidaba coñecer, múdase. Todo se volve novo para as retinas, e un sempre está resucitando, volvendo a ese lugar, mesmo que neses lugares leves vivindo mil veces e mil vidas. O habitante. O artista que creou as pinturas das covas de Altamira, ou aqueles que construíron as pirámides de Exipto, ata os marabillosos frisos maias de Bonampak, ata a mirada anovadora de Marcel Duchamp ou Pablo Picasso. A mirada escrutadora do ser humano sempre tentou configurar realidades distintas das vividas, crear aquilo que a maioría dos ollos non perciben, e chegar así, ao misterio do que está aínda por nacer, por existir. En Galicia, a arte da pintura non tivo grande transcendencia na nosa historia. Aínda que isto último non é do todo certo. A pintura mural e a policromía tiveron unha grande presenza en Galicia desde a época románica e no medievo; o pórtico da Gloria é unha clara mostra da simbiose entre escultura e policromía. Así e todo, esa inactividade existiu. A todo isto, e por esa ausencia. Na casa da cultura de Porto do Son, na Atalaia, está a expoñer estes días a pintora ribeirense Lucía Romaní. Non coñecía a súa obra. Descubrir esta pintura é deixarse posuír por unha sensación de liberdade, por un trazo perfecto e contextualizado. A súa pintura rítmica e sensible, sen estridencias, é unha invitación a permanecer no seu hábitat, a explorar unha linguaxe xeométrica que por momentos nos sitúa na espontaneidade do grafismo e na urbanidade abstracta. A súa técnica é depurada, a composición plenamente lograda é unha das bases do seu proceso creativo. Lucía Romaní tráenos nestes cadros un vento fresco. Hai na súa obra, coma en Kandinsky, a lingua mesma da arte. Os seus cadros son unha esperanza, porque é nova, e é pintora.