DENDE FÓRA | O |

13 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A XUNTA, dígase agora PSOE e BNG, rexeitou a petición do Partido Popular, dígase oposición, de rematar o desdobramento da vía rápida do Barbanza antes do verán do ano 2008. Manuel Ruiz Rivas, un dos dous deputados da nosa comarca, argumentaba que esta era a data inicialmente sinalada no proxecto. Independente desta xustificación temporal, a alguén alleo ao mundo da política, máis dunha trintena de mortos nos últimos cinco anos parécelle argumento máis que suficiente como para telo moi en conta. Aos que mandan, parece que non. A finais do pasado ano a Consellería de Medio Rural, eles chámanlle Consellaría, suspendía distintas obras en Galicia, na Galiza que din. Este plan contemplaba inversións de varios centos de miles de euros, incluídas distintas actuacións na nosa comarca. Os alcaldes do PP tomaron o Parlamento en pé de guerra. A ver que ía ser iso de quitarlle as obras que lles tiñan prometido. Case todas, iso si, en concellos populares. Disque algunha das actuacións previstas era para a construción de piscinas e tamén de regos para campos de golf. A calquera profano lle debe parecer lóxico que se tomase esta medida. Á oposición parece que non. Teño sete ou oito exemplos máis coma estes, non crean, que se é o caso irei enunciando en semanas vindeiras. Aínda que me da que xa os coñecen e incluso que xa están fartos de escoitalos. Non sei a vostedes pero a min dáme a sensación de que a política que se fai agora, que é a que nos afecta directamente a todos nós, non nos ten para nada en conta. Aos que gobernan e aos que están na oposición, parece que lles prima máis a sua cor política que o interese xeral. Semella prioritario, para uns e outros, sacar rendemento electoral antes que poñerse de acordo e tentar buscar o ben común de todos os cidadáns. Pareceralles unha inxenuidade o que estou a dicir, e igual o é. O que pasa é que me resisto a pensar que o único contacto que teñamos a xente de a pé e máis os políticos sexa durante os tradicionais quince días que duran as campañas electorais.