Noia agarda por min, distinguida e morriñenta, mirando por riba da súa ría, xa case lago, ao horizonte onde bate o mar máis esgrevio de Galicia... O meu primeiro afanar polas súas rúas é igualmente máxico. A néboa sepulta e infiltra a vila coma unha lava gasosa. A pouca xente aparece nun relente espectral coma se flotase, e esvaécese, quedando o eco das voces sen corpo disolvido na grisalla. Cando chego ao estuario do Traba, onde río e mar negocian alianza, sen se diferenciaren moito, ocorre unha desas mudas fantasmagóricas que fai a luz galega; un dos seus milagres non por frecuentes menos irreais. A néboa érguese enteira coma un lento pano de fondo e o sol de abril, subitamente maduro, dá en inventar a silueta do burgo contra o ceo coma se a repuxase. O mar forma o contracanto da marabilla nos seus ouros estriados nas augas plúmbeas, os seus azuis tenues, os seus tremores carmesís. De alí a un nada o horizonte ordénase nunha perspectiva aberta e minuciosa, afondando, erguéndose cara aos cumios do Barbanza, con Muros de lonxe baixo os seus fumes matinais. O pano de fondo deixa tamén ao descuberto as augas habitadas e as rúas transitadas coma nunha operación de feitizo. Seica, aínda afundida na borraxeira, Noia espertara a tempo e acometera as súas angueiras cotiás. Ao longo dos peiraos, os pescadores arman as súas artes e as marisqueiras clasifican os berberechos soados, tocadas co gracioso chapeu local.