Feliz Nadal

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

14 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NON PENSABA eu a estas alturas escribir sobre o Nadal. Máis ben quería ignora-lo. Aínda que un non é dono do seu propio destino e eu fágome cargo. Polo tanto, non se asusten, aquí, nestas liñas non pode suceder nada. Estes artigos son inofensivos. Fáiseme raro dar co lugar, topar ese espacio axeitado e alzar a voz para existir. Non é doado, sobre todo, si na túa ou na vosa casa convivides cunha sobriña que teña por nome o de Mónica. Agora, outra vez teño motivos para tela presente nestas letras. Tempo atrás o Nadal era lento, dosificábase, medraba día a día sen que acontecera nada ao redor dun. Sabíase que viña, aínda que fose baixo xuramento e un non descría del e chegaba, pero chegaba só. Alí estaba, entrabas pola porta e decatábaste que o Nadal estaba enriba da mesa, metíaslle man ata rematar con bandullo farto. Agora chega, e chega por moitos motivos. Quero crer que aparece sensatamente, isto sen poder asegura-lo de todo. No meu caso é ben distinto. O Nadal na nosa casa aparece nos últimos días de outubro e ten voz e forma. É un relatorio incansable de detalles que a miña sobriña Mónica vai poñendo na túa vida, hora tras hora, con todo luxo de detalles. Máis ca unha adiantada, Mónica é unha interesada. De feito, a súa vida está orientada e calculada para recibir regalos, neta arte, abofé, é unha verdadeira especialista. Este ano as cousas mudaron de formato. O protagonista deste Nadal na mente de Mónica é Papá Noel. A cousa non é extraña, ela forma parte desa porcentaxe da sociedade maioritaria, así que de descamiñada nada. Temos o Papá Noel nas fiestras, nas escadas, nos balcóns, nas portas. En fin, en todas partes que un poida imaxinar. Salvo no noso idioma. O noso Papá Noel é extranxeiro, baila e canta en inglés. Aínda bo, que a maxia do Nadal o resolve todo. Merry Christmas.