Don Hugo I

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

09 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

«HAI COUSAS que deben morrer. A morte é natural e necesaria. Así pasa cos vellos partidos, que xa están mortos e resístense a morrer. Xa cumpriron, chegoulles a hora da morte e, seguramente que eles mesmos, dende o inconsciente, así o aceptan e fixeron o que fixeron: precipitaron a morte xa», palabras de Hugo Rafael Chávez Frías diante da sabotaxe da oposición non presentándose ás derradeiras eleccións en Venezuela. De cando hai unhas semanas, o noso ministro Bono asistira á sinatura de fabricarlle non sei cantos barcos en Cádiz, quedeime abraiado escoitando a comparanza que Chávez facía de si mesmo co noso Rei, aludindo a que ámbolos dous son xefes dos exércitos. Non sei que me da que este persoeiro rematará instaurando a monarquía boliviariana de Venezuela, na figura de Hugo I. Estas transmutacións son moi propias das persoas cando chegan ao poder. Por exemplo, a do excéntrico xeneral Patton, encarnado nun expléndido filme por George C. Scott, dirixido en 1970 por J.F.Schaffer, que tiña o convencemento de que en vidas pasadas fora un guerreiro, igualándose a Xulio César nas Galias ou a Agamenón na guerra de Troia. A gran capacidade deste visionario venezolano amosouna, non fai moito, en visita a Santiago dicindo que o minifundio galego era un exemplo a ter moi en conta. ¡E nós que pensamos o contrario!. Dende logo que moito gancho non debe ter este golpista. Preséntase sen contrincantes a unhas eleccións e gaña coa cuarta parte dos votantes. Franco, cando menos, acadaba o 99%. Dunha cousa podemos estar seguros, os partidos políticos poden mudar, morrer ou transformarse, pero as democracias non morren, incluso as sudamericanas tan queridas para nós, o que debería ter moi en conta o presidente ZP, agás que, coma Anasagasti, descubrise que tamén é chavista.