Os mozos irados

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

03 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NA INGLATERRA dos anos cincuenta, cunha recentemente entronizada raíña, o retorno dos conservadores ao goberno e a guerra fría e a caza de roxos quentando o panorama político en occidente -sempre houbo inimigos que o eran por pensar ou por rezar de forma diferente a nós-, un grupo de mozos, escritores e comprometidos coa clase obreira, maniféstase contra o pasotismo do proletario escribindo novelas que poñen en evidencia as carencias da sociedade e dos gobernantes. Estes tipos foron alcumados polos conformistas como angry youngmen , mozos irados, tan citados nestes días con motivo do premio Nobel a Pinter. E eran irados pola rotundidade con que se manifestaban contra as imposicións, a acomodación e a resignación da sociedade, esgrimindo como única arma a súa pluma. Baixo esta denominación está o dramaturgo Arnold Wesker, que antes de fundar un grupo de teatro para denunciar a falta de compromiso nunha sociedade xerarquizada, ganábase a vida de fontaneiro; ou Jhon Osborne, que na novela Mirando cara atrás con ira , semella que xa o deixa sentenciado todo no título; e o novelista Alan Sillitoe, que aos catorce anos traballaba nunha fábrica e aos trinta escribe sobre as miserias dos asalariados na fin de semana, que converten ao obreiro nun parásito, representando a sociedade dos barrios industriais e as diversións dos currantes, sen máis miras, ás veces, que unha botella de etílico coloreado. Úneos a denuncia da marxinación, e sen embargo, contrariamente ao que se di estes días, penso que Harold Pinter non era un militante irado de cota e carné, aínda que si se sentía próximo a aquela tendencia, e non o era a pesar de que se revelaba amosando nas súas obras un mundo pechado en si mesmo e con personaxes incapaces de poñerse de acordo. Os mozos irados duraron menos de dez anos e ficaron esquecidos do gran público. ¿Quen sabe hoxe quen é Amis, Braine ou Wesker?. Pero aí quedou a súa obra, realista, crítica e con vixencia na actualidade. Eles non escribían para vender papel.