rúa de Arriba

X. Ricardo Losada

BARBANZA

FIXEN A rota dos pazos do Barbanza cun guía que non cansou de gabalos, e abríuseme a úlcera. Ben sei por qué. O primeiro que vin, tiña seis anos, foi o pazo en ruínas de Martelo. Imaxineino no seu esplendor, tal cal Versalles, e supuxen equivocadamente (no colexio falaron de moitos pero ningún vivira alí) que era dun heroe. Medrei pensando que non tiñamos personaxes como Xulio César ou Napoleón. Pero admiraba tanto a miña avoa que non me importou. Se un Napoleón de Rianxo conquistase Boiro, Lousame, Pobra e Ribeira, e fundase o Sacro Imperio Rianxeiro, educaríanme para que non puidese admirar a miña avoa. Co tempo rehabilitaron o pazo, e souben que alí vivira un heroe medieval. Paio Gómez Chariño. Aledeime, aínda que, como Napoleón, non me parecía nin a metade de heroe que miña avoa. Nunca me atrevín a dicilo. Nin cando lin as palabras máis fermosas da miña vida: « As demais formas de heroísmo son pura ostentación. Pero ser pobre durante sesenta anos, cumprir sen protestas todos os deberes aos que a familia e a sociedade os obrigan e, ao mesmo tempo, poder seguir sendo humano e honrado, quizais mesmo alegres e caritativos: iso é o auténtico heroísmo». Miña avoa era pesca. Percorría o Barbanza descalza coa patela á cabeza, cantando. Durmía en corredoiras e, o que era o mesmo, nunha casa do remo. Non cambiaba de roupa pero non cheiraba. Tiña mans encalecidas que curaban. Lucía bigote co atractivo, agresivo e inocente, dun fermoso animal. Unha cara tráxica que ri, como unha parturiente, iso era miña avoa. Por iso me sangra a úlcera cando vexo un pazo. Calo, e gardo para min que son pura ostentación. Se o digo, chámanme filósofo, ou, os menos finos, rompecollóns .