DENDE FÓRA | O |
23 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.COMO TODOS ben lembramos, houbo un tempo no que estivo moi crispada a hoxe nomeada A Pobra do Caramiñal. Que se Puebla, Pobra, Póvoa, Poboa, Proba..., ata que o goberno de Fraga decretou o vixente. Analicemos cómo evolucionou o tema. Tomando como referencia os programas de festas do Nazareno e do Carme dos Pincheiros, resulta que, en 1995, 71 de cada 100 dos anunciantes elixiron Puebla na súa propaganda; 63, en 1996; 72, en 1997, pasando a 59 en 1998. Xa máis recentemente, no ano 2003, preferiron publicitar os seus reclamos comerciais como pueblenses o 60% dos anunciantes, mentras que este ano 2005 representaron o 55%, ou sexa, a porcentaxe máis baixa destes dez anos. Pero, en todo caso, o de Viana del Prior non é tan esperpéntico se temos en conta que, agora mesmo, descoñecemos se Paco Vázquez é o alcalde de A ou La Coruña. Moitos analistas entenden que a toponimia baséase na linguaxe, na xeografía e na historia. Por exemplo, o apelido do meu amigo ex secretario do concello rianxeiro Alfonso Alcalá provén de Al-qalácat (fortaleza). Un gran estudioso do tema, Manuel Gómez Moreno, atopouse con que para arranxar problemas de toponimia había que separar a língua falada da escrita, xa que os autores da Revista científica de toponimia na España de 1925 non daban pé con bola no asunto. A meirande parte das persoas dicimos Puebla cando a falar desta vila estamos, do mesmo xeito que os falantes en castelán sempre dixeron e din Rianxo, porque os sentimentos, a lóxica e as costumes non se impoñen por decreto, nin por moda. E deberiamos ter moi en conta que ser bilingüe galego-castelán non é ningunha mingua, xa que a identidade de Galicia non está na nosa lingua, senón que forma parte do feito de ser galegos, sen máis.