LINGUA PROLETARIA | O |
10 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.RANDE ESTÁ na boca dos pícaros e dos crédulos, cercado polas ondas grandes do mar da ilusión. Rande é unha promesa a longo prazo, unha esperanza redentora, a fantasía dun ocaso de verán sen praias, ofrecéndolle ouro aos ilusos e promesas aos votantes, envoltas nunha néboa de amencer setembrino. Non sei se o de non cobrar a peaxe de Rande non quedará nunha das moitas promesas sen cumprir ás que nos teñen acostumados os nosos próceres, evidenciando, unha vez máis, aquilo de «prometer e non dar fai aos tolos alegrar». Porque (e perdoen os entendidos a miña falta de credulidade e coñecementos para poder crer) ¿non sería máis doado facer gratuíta a autoestrada de A Coruña a Carballo, esa autoestrada que se fixo con diñeiro público e ao público se lle cobra?. ¿Non sería máis doado facer gratuíto o tramo que cruza a ría da Pasaxe, sabendo que os seus usuarios viven nunha das marxes da ría e traballan na outra?. Non sei como funciona a política nestes asuntos, porque se non se pode poñer gratuíto un tramo tan curto e prescindible como o da Barcala, nin liberar de peaxe unha autoestrada da que é propietaria a Xunta, ¿como van facer co tramo dunha empresa privada que xera, só por pasar pola ponte, uns cento trinta e tantos mil euros diarios? ¿Co tesouro de Rande?. Pois tampouco sabemos se será posible rescatar os famosos galeóns, dos que o capitán Nemo sacaba os fondos para financiar as súas leguas de viaxe submarino; nin se será economicamente viable poñelos a flote, nin si se contentará o goberno co cincuenta por cento que ofrecen os rescatadores ou se esixirán o cento por cento que a lei lle outorga, para compensar á todopoderosa Audasa no negocio da peaxe, ou pagar a sanidade sen aumentar impostos sobre aos vicios e as debilidades que nos fan distintos dos chimpancés. Tempo teremos para ver, criticar ou aplaudir.