OPINIÓN | ANTÓN RODRÍGUEZ GALLARDO | HISTORIADOR
30 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.EN BEALO, nunha pintoresca chancela con ermida, palco de pedra e cruceiro, celébrase tódolos 31 de agosto unha sonada romaría na honra de San Ramón, relixioso mercedario e cardeal catalán de inicios do século XIII. Das máis concorridas da volta, atrae particularmente (hoxe menos ca antes, dende logo) a mulleres na busca dun remedio para a esterilidade ou, como asegura a copliña ( As neniñas cando paren / lémbranse de San Ramón ) para pedirlle ao santo un bo parto. A orixe desta festividade católica remóntase a mediados do XVIII, cando se erixe o pequeno santuario e, por iniciativa de José Bravo de Castro, cura da fregresía, queda instituída a fundación de San Ramón coa obriga do seu administrador de oficiar misa e facer diversos sufraxios á devoción do «santo e ánimas do purgatorio», así como tamén a adicarlle ao canonizado unha novena con remate o 31 de agosto, día previsto para a súa festa. En consecuencia, dende aqueles lonxanos tempos da Ilustración, fieis de toda condición acoden á romaría a honrar ao santo nonnato e, últimamente, dun xeito especial, tamén a Baco e Pantagruel, iconos do beber e comer farturento. Mais detrás desta celebración de marcado carácter cristián (e lúdico-gastronómico), parecen asomarse aínda vellas crenzas arraigadas nun pasado moi remoto, que, modeladas polo tempo e os homes, adquiriron o semblante actual. Neste sentido, hai que lembrar que as xerarquías da igrexa, ávidas por evanxelizar, esforzáronse xa dende inicios da cristiandade en erradicar ou, cando isto non foi posible, vernizar de cristianismo ancestrais ritos relixiosos. E alá onde se daban irreductibles cultos pagáns, promoveron a edificación de santuarios, capelas ou ermidas. Deste tipo de evanxelización abondan exemplos en Galiza: A Virxe da Barca, en Muxía; San Andrés de Teixido ou A Lanzada, onde, aínda hoxe, xunto ao culto católico, perviven ritos de clara fasquía precristián. E San Ramón de Bealo pode ser un exemplo máis. Un interesante traballo de J.?A. Fernández Castro, se non erramos, mestre no seu día da unitaria de Bealo, saca á luz a existencia dunha serie de gravados nos rochedos do contorno da capela de San Ramón. Unha das rochas, próxima ao denominado «castriño», amosa unha figura serpentiforme orixinaria, segundo o investigador, da época castrexa, arrodeada por varios símbolos cruciformes, datados, neste caso, entre os séculos XVI e XVIII. O culto das serpes A este respecto hai que salientar que, no contexto da etno-arqueoloxía galega, as serpes ocupan un lugar destacado; tanto que Florentino Cuevillas e Fermín Bouza-Brey, prolíficos investigadores do prestixioso Seminario de Estudos Galegos, chegan a falar dunha ofilatría castrexa, dun culto precristián da serpe. Amais doutros posibles significados, débese ter moi en conta o vencello dos reptís coa idea de fecundidade (e de fecundidade aínda se fala hoxe na romaría de Bealo). Por outro lado, o folclore da parroquia (segundo se asegura no antedito traballo) abonda en antigos cultos ás árbores, fontes, encrucilladas de camiños e, sobre todo, rochas. Neste senso, o Padre Sarmiento, home da Ilustración e destacado investigador da cultura e historia galegas, dá noticia da existencia nalgúns lugares de Galiza de laxes, coñecidas como «camas de pedra», onde se deitaban as parellas estériles en busca de remedio ao seu problema. Estas prácticas supersticiosas relacionadas coa fertilidade e basadas na crenza do poder fecundador transmitido por estas pedras aos que sobre elas fornicaban, foron detectadas aínda no primeiro tercio do século XX polos investigadores da Xeración Nós. A existencia en Bealo dunha rocha gravada cun serpentiforme, que semella respostar ás características das «camas de pedra», xunto ao abondoso folclore relativo á fertilidade e os evidentes signos de cristianización do lugar, dan verosimilitude, malia o arriscado da datación das insculturas, á hipótese de que este espacio fora, dende tempos remotos ata o século XVIII (data de construcción do santuario e, polo tanto, da súa cristianización), un lugar reservado para a liturxia dunha relixiosidade primitiva, de raigame prerromana. Sexa como fora, dende hai varios séculos, multitude de romeiros e romeiras movidos pola súa fé achéganse a este enigmático espacio (nalgúns casos -así o vé J.?A. Fernández- deixando o seu testemuño en pedra nas laxes do contorno) que se constitúe noutra das claves para coñecer mellor os actuais modos de ser e o xeito de entender a vida dos galegos. Sen dúbida, merecería a pena realizar un estudo en profundidade do pasado máis remoto deste contorno, que desvelara se foi ou non un lugar de culto precristián.