De ruta polas festas da comarca

| JOSÉ ANTONIO VENTOSO MARIÑO |

BARBANZA

FOGUETES

21 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

VIAXO A Noia, pola feira medieval, é un decir. De Portosín cara a Boa leva unha hora; entrar na Ponte: unha eternidade. Noia ten accesos do século XI ¿Non chegaron os tempos para unha nova Ponte? Cuíña xa se comprometera polos anos noventa do século pasado, a realizala en dou anos, deberon ser bisiestos. Nada máis apropiado -dime o vello amigo Beiro- que recordar a situación medieval das infraestructuras que a celebración do cachondeo medieval. A feira arresende a impostura, a artificial. Non me gustou o aire tépedo do alén, que diría o poeta. Marcho a Cabo de Cruz. No celebreixon da mexilloada non atopo a Olimpio Castelo ¿Por onde andas? Miles de persoas degustan tapas con fame asesina. Mellor non acercarse a un posto, o cobadazo pode enviarche directamente ao Hospital do Barbanza. Ao lonxe, moi ao lonxe, vexo á ministra de Agricultura, Elena Espinosa, colgada de Juan Jesús Ares, edil socialista de Boiro, pregunto: ¿Onde está o alcalde? Deira, vello amigo de tempos e témporas, non domina o repertorio de colocarse na foto; así non hai xeito de prosperar. O que está mal en Silleda, trócase en mostra de sensibilidades afíns en Boiro. Escoito a Uxío Labarta predicar a prol da unidade do sector para mellorar as oportunidades de comercialización; pero se Cabo de Cruz marchou de Opemar, ¿como se aposta pola unidade, fuxindo dela? Son misterios insondables para a comprensión da realidade pesqueira galega. Os bateeiros, explícanme Antonio Teira, só están descansados cando venden o seu producto. Como non o poden facer, desconfían da unidade de venda por medo a impagos e fraudes. Do minifundismo da propiedade non é doado choutar ao control monolítico da comercialización. O meu amigo González, animoso xefe de estudos do Colexio Galaxia, obrigoume a acudir ás festas do Carme de Aguiño. Sempre me agradaron, por ter un aquel de orixinalidade. Este ano foi a romería do neno en Couso, na que amosaron a vontade dun pobo para xuntarse a practicar a convivencia, costume cada día máis rara nun mundo de medo e incertezas. Por iso, non deixa de ser chocante a bronca da comisión aos veciños. Lendo o programa das festas atopo a benvida da comisión, non podo resistirme a acotar un parágrafo: «E a todos os veciños que non colaboraron, eses que non dan nada e que so se dedican a criticar, so expresarlles os nosos máis sinceros desexos de que lles vaia ben na vida e dende aquí gustaríanos invitalos a probar, inda que so fose por un ano, a levar as rendas desta comisión». ¡Bravo! Por o mal leite do presidente: Fernando Peón, atrévese a amosar o seu cabreo e reta aos disidentes a dar o paso da baroca á barrica, do pico á pala. Ben está iso de non calar e facer fronte as críticas, mais cando non van acompasadas coa vontade de colaborar. Eu dígolles: Nunca esperedes o agradecemento por traballar a prol da felicidade do pobo, contentádevos con ter axudado na súa procura. Impasibles ao fracaso, indiferentes ao éxito.