DENDE FÓRA | O |
08 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.OS NENOS e nenas que viven alí onde non neva senten certa envexa polos esquimaus, do mesmo xeito que os que nunca viron o mar están de-sexosos, cando menos, dunhas vacacións nalgunha praia. Hai que dar por suposto que as poboacións dos casquetes polares ou as que están preto dos océanos teñen o mesmo sentimento en senso inverso. Sempre nos tira o descoñecido. Claro que o mundo da fantasía nada ten que ver co mundo da realidade. Por iso non é normal que se organicen safaris de osos e focas, entrando polo estreito de Bering e saíndo polo mar de Barents, senón en Tanzania, Kenia ou na república da India. En Galicia predominaban as agarimosas vacas marelas ata que nos trouxeron as de Holanda e Suiza, pintadas de branco e negro, con ubres máis voluminosas pero con dificultosa adaptación. Agora estamos decatándonos de que as nosas autóctonas teñen o seu mérito. Tempo era, como tamén o de poñer en valor os nosos porcos e galiñas de sempre. Pero sempre hai quen quere pescar peixes en terra. Tal é o caso de pretender producir, con rendabilidade, enerxía eléctrica en parques solares como seica se pensa facer no que foi vertedoiro de basoira na Curota, co anubramento anual que a nosa climatoloxía representa e co ben que nos vai cos aeroxeneradores soprados polo Atlántico. O de sempre, ¡non temos para pan e mercamos estampitas!