Encontro de emigrantes

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

11 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

OS CAMIÑOS da emigración son tantos e tan dispares que, os que algún día navegamos ou andamos polo mundo da diáspora, podemos contar de encontros con paisanos nos lugares máis insospeitados, á procura dun seguro de vellez. A calidade de vida, da que tanto se fala a cotío, na mentalidade dos nosos emigrantes está en asegurar unha ancianidade libre de coitas. Pero das moitas historias de encontros inesperados e de xeitos de encontrar a felicidade, que teño escoitado, unha das máis fantásticas é a que contaba Avilés de Taramancos, cando en certa ocasión, camiñando pola selva cunha saca de mercadorías ás costas, esvarou e caeu nun lameiro, machucado polo peso da carga que transportaba. O home, ó verse bicando o chan lamacento, botou un xuramento do máis enxebre, e entón, para o seu asombro, escoita unha voz que lle pregunta no mesmo idioma do xuramento: -¿E ti de onde es? Avilés ergueu a mirada e viu un home vestido cun taparrabos por única prenda, rodeado de indios armados de arcos e frechas. -Eu son de Noia. -Pois eu de Betanzos -díxolle aquel e estendeulle a man para axudarlle a erguerse. Aseguraba Avilés que o betanceiro encontrara a felicidade naquel paraíso selvático, onde era xefe dunha tribo.