Celestino García Romero nace en Comoxo, parroquia de Cures (Boiro), o 22 de maio de 1855, no seo dunha modesta familia labrega. Foi bautizado en Santa Baia de Boiro co nome de José María Celestino. En 1869 entra no Seminario Conciliar de Santiago. Como principal bagaxe cultural libresca, levaba os tres primeiros anos de latín feitos. Cursa estudos eclesiásticos con magníficos resultados. En 1878, é ordenado presbítero. Como tal, a súa primeira misión foi a de coadxutor en San Bartolomeu de Pontevedra. En 1880 ingresa na Compañía de Xesús. Responde esta decisión a unha vocación orixinada polas súas virtudes cristiás, que, segundo o arcipreste de Postmarcos de Abaixo daquel momento, xa lle viña moi de atrás. Estivo a piques de ser franciscano, pero seu pai impediullo. En outubro de 1882, fai os seus primeiros votos como xesuíta. Trasládase, despois, a Carrión de los Condes, onde será profesor de colexiais. Logo pasa a Oña (Burgos), onde ampliará estudos de Teoloxía. Máis tarde recala en A Guarda, onde o 2 de febreiro de 1892 fai votos perpetuos. Ese ano, trasládase á Coruña. No 1896, instálase en Santiago. Na cidade do Apóstolo, desenvolveu unha grande actividade pastoral e desempeñou unha serie de cargos e ministerios que requirían un certo nivel intelectual, formación e probada virtude. Entre eles, salientamos: Director de asociacións relixiosas coma as Xosefinas, a Sagrada Familia para señoras de servizo e camareiras do Santísimo Sacramento; consiliario diocesano do Apostolado da Oración e das Escolas Dominicais de San Xoán Evanxelista; confesor da propia Residencia de Xesuítas, en San Agostiño e na catedral; prefecto da biblioteca e consultor e admonitor da propia Casa; home que nunca esqueceu as súas humildes raíces, ocupábase pastoral e humanamente das xentes máis ben marxinadas: zapateiros, latoeiros, moradores de barrio e do mundo rural... O seu amor a Galicia, á súa lingua e cultura, levouno a interesarse por vivir a fe e a liturxia en galego. O que aínda hoxe resulta asombroso, pola actitude aberrante e antigalega da maioría do noso clero diocesano. Na faceta intelectual, científica e literaria, interesouse especialmente polos temas históricos, arqueolóxico-etnográficos e filolóxicos. Estes temas tratounos en castelán, vítima, coma case todos os intelectuais dese tempo, do complexo de que o idioma galego «non era apto para estudos científicos serios», e redúcese a súa idoneidade á literatura, especialmente á lírica. Por eso, a súa creación literaria está en lingua galega: dramas e comedias, poesías e pequenas narracións. Constitúe unha excepción a súa obra teolóxica Inferno e Gloria.