San Pancracio en Facenda

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

21 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CAMIÑO DA cociña económica, co seu enxoval atacuñado nunha mochila de vagabundo, Carducho lémbrase do día en que entrou nunha oficina interna da Delegación de Facenda e encontrou, detrás dunha porta sen acceso ó público contribuínte, nunha capeliña de marquetería con formas barrocas, unha imaxe en plástico de San Pancracio, co seu anel de 25 pesetas no dedo índice sinalando ó piso superior, onde asenta as súas pousadeiras o señor delegado provincial. -¿¡Que fai este aquí!? -bramou, como aseteado pola traizón, contra o avogoso santo. Diante do silencio, a Carducho entroulle unha pequena perrencha de escolar a quen o profe lle quita medio punto por non acentuar unha esdrúxula, e asegúrame que naquel intre estivo a punto de increpar á imaxe con preguntas do estilo: ¿estás co proletario ou co patrón?, ¿a quen protexes, trocachaquetas?. E évos que calquera perde a fe vendo como ata estes santos, producto e uso das clases máis desprotexidas, se deixan conquistar polo poder e abandonan o escuro cornecho dunha despensa, para ocupar a hornacina da adulación de toda unha delegación de Facenda. -¿Onde están aqueles humildes santos e santas que fuxían das ornadas capelas e altares, para volver á pobre e modesta cova onde algún pastorciño os encontrou? Séntese traizoado polo imberbe pirixeleiro, a quen a fe popular lle deu peaña, coroa e os atributos que non lle outorgou o seu martirio, tras ser decapitado por revolucionario, por amosarse contestatario co poder e desprezar as vellas crenzas do Imperio. Foi a fe popular quen lle cubriu o índice admonitorio -di o meu amigo- co anel dunha moeda, e quen en lembranza de Saturno, primitivo deus e mestre da agricultura, contra quen esbardallou no xuízo por blasfemo e rebelde, lle colocou o pirixel, facilmente confundible coa cicuta, para que nos axude a discernir entre o ben e o mal. E agora aparece de aliado do máis impopular de todos os ministerios. Preguntas -¿Onde van aqueles tempos -reclama Carducho- en que os santos daban a vida por socorrer a un necesitado? ¿Onde aquel tempo no que mantiñan erguida a mirada e a forza da súa razón en pro dos máis humildes, diante de torturadores, banqueiros e emperadores?. Onde vai o xusticeiro San Pancracio, de quen San Martín de Tours dixo que, quen ousaba dicir mentira diante do seu sepulcro caía morto ó instante ou, no mellor dos casos, perdía a razón. ¿Por que saíu dos bares e das tendas dos pequenos empresarios, ou das casas sustentadas por unha nómina do Inem, para buscar acomodo no pazo dos recadadores? ¿Non é isto a relatividade da fe? ¿E non terá, agora, a ousadía de gafarlle o lapis ó funcionario encargado de multar os despistes na declaración da renda?, ¿non será quen de lle formatear o disco duro a quen está disposto a gravar a un paria co tanto por cento da insolidariedade? Pérdese a fe porque ata os santos se alían co inimigo -asegura. Tras o sermonciño que me solta, penso que o meu amigo durmiu mal esta noite, nese portal en que se hospeda ultimamente; pero axiña toma folgos para me contar como aquel día, antes de marchar, mirou para o santo dos parados e recriminoulle indirectamente ó funcionario que o atendía: -Nesta casa hai moito vendido ó inimigo. E daquela, por única resposta, recibe unha mirada fría e unha man que lle estende un documento: -Asine aquí e volva dentro de quince días.