Sensibilidade ambiental

COLECTIVO ECOLOXISTA DO SALNÉS

BARBANZA

TRIBUNA PÚBLICA | O |

26 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O TERRITORIO do Grove é limitado, demasiado limitado como para desaproveitalo en Redes Naturas e en servidumes de protección de costa. Así é como pensan os gobernantes do Grove, xusto o mesmo que os grandes constructores da zona. Existen intereses urbanísticos camuflados no fomento do deporte do golf. Os seus axentes anuncian a viva voz a necesidade de construir, nada menos que duns campos, en terreos «baratos», protexidos pola Rede Natura, e ó mesmo tempo falan en voz baixa das urbanizacións asociadas a estes terreos. Estes constructores camuflados engatusan con maquetas preciosistas a unha boa parte dos representantes das asociacións e dos partidos políticos do Grove, que se atreven a calificar o proxecto de Feáns como de gran sensibilidade ambiental. Posiblemente estes representantes fan a súa valoración, na maioría dos casos, con boa vontade, pero tamén descoñecen que a duna rampante da ladeira sur de Siradella, coa súa vexetación asociada, é un privilexio ambiental, mentres que un campo de golf, aínda que quede moi bonito na maqueta, estraga definitivamente ese valor. Existen tamén outros constructores que non disimulan tanto. Conseguen que, nos planos do PXOM sometidos a alegacións, se modifiquen os límites da Rede Natura, e mesmo os límites da servidume de protección de costa, para introducir plan especiais e solos urbanos. O goberno municipal do Grove demostra unha impudicia sen precedentes, ó cambiar pola súa conta estes límites, para ver se cola. Pero o maior erro que cometen estes gobernantes é crer que a superficie protexida poa Rede Natura é un lastre para o desenvolvemento do municipio; todo o contrario, é un valor envidiable que cómpre potenciar para prestixiar o nome do Grove como garantía de calidade. Esperemos que sexa a Consellería de Medio Ambiente, que non quere más problemas coa Comisión Europea, a que poña as cousas no seu sitio, por riba das liortas intestinas entre afiliados e amigos. E quen non queira entender, que non entenda.