DENDE FÓRA | O |
11 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.COMO SEMPRE acontece, a realidade social vai por diante da realidade política. Son os empresarios os que plantexan a necesidade da ponte de Noia, os sindicatos avisan dos perigos da deslocalización, as confrarías pelexan colectivamente pola salvagarda do seu sector, os comuneiros fan propostas alternativas no uso e preservación dos montes. En definitiva, hai un gran consenso na necesidade da unión das sinerxias de todo o eixo sur da provincia. ¿E a clase dirixente que fai?. Aferrarse na poltrona localista, co que, sen unha axeitada cohesión política, vai ser moi complexa a cohesión económica e social desta zona. Entón, ¿con que lexitimidade ética están facendo propostas, o mesmo dá as do si como as do non, sobor do tratado para unha constitución europea, cando non son quen de respostar, conxuntamente, as inquedanzas sociais da bisbarra? Por iso, o referendo do día vinte, que, por certo, non sendo vencellante non deixa de ser unha tomadura de pelo, non é máis que unha farsa de lecturas previas e conclusións finais que non convencen a ninguén, xa que saen do propio desconvencemento da clase dirixente. Por exemplo, ¿poderemos ver algún día a refundición da Mancomunidade Serra do Barbanza coa de Arousa Norte nun proxecto político de alcance? A UE foise construíndo bastante ben sobor dun proxecto económico. O problema está sendo, agora, o seu proxecto político. O de sempre.