Dornas noutras augas

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

15 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A PESAR de que en calquera manual de etnografía se sitúa a dorna como unha embarcación propia da ría de Arousa, hai referencias de que algún día a súa presenza estendeuse máis aló do mar da Barbanza; non só pola peregrinación pesqueira que a levaba a lanzar trasmallos na costa fisterrá, senón tamén con asento propio, como emigrantes ancorados en terras de fortuna. O que non sabemos é se aquelas dornas eran tal e como hoxe as coñecemos ou outro modelo de nave; pois como «barco de dornas» tamén se coñece un tipo de embarcación fluvial propia do curso medio do Miño, usada para o transporte de mercadorías e a pesca, constituída por dous troncos ós que se lles dá forma de fuso, coa súa proa e popa, ocos e abertos por arriba e unidos entre si cun entaboado a modo de xuncada ou balsa, en nada semellante á nosa. Sabemos que a mediados do século XX, a presenza da dorna mariña chegaba á ría de Pontevedra e á de Muros, pero na actualidade xa ninguén pon en dúbida que, fóra da ría de Arousa, a dorna non existe en ningún outro lado. Daí a miña sorpresa cando, hai algo menos dun mes, vin un par delas en Redes, pobo do concello e da ría de Ares. Por aquilo de facer tempo mentres non era hora de asistir ó evento que me levou a ese lugar, achegueime ó porto, xa con noite, e alí, silueteada polos farois, a figura de dúas dornas fondeadas fíxome dubidar do que vía, e de se a noite invernal non estaría xogando coa miña crecente miopía. Foi despois, durante a cea cos membros da asociación que nos invitara, cando tiven a oportunidade de falar do asunto cun directivo, quen me asegurou que, efectivamente, aquelas eran dúas dornas que un afeccionado ás embarcacións tradicionais mercara na illa de Arousa; e entón, o que empezara como unha xuntanza para falar de teatro, converteuse nunha disertación de sobremesa sobre a presenza histórica e xeográfica da dorna. Entre café e licor de herbas, lembrámonos dos grandes estudiosos do tema, Staffan Mörling, Santiago Páramo e Xaquín Lourenzo, do Arquivo do Gremio de Mareantes de Pontevedra onde aparecen rexistradas en época barroca, e da cantiga de Afonso X o Sabio, que fala dun «dormón» para mercadear pola mariña, como balsa auxiliadora á que asirse o bo monarca, despois de perder unha fortuna no que a historia deu en chamar «el fecho del imperio». Aclarando que aquelas de Redes só debían a súa presenza ó labor filantrópico dun coleccionista, aínda nos lembramos doutros datos que nos fan dubidar de se, as dornas de mar, como as que nós coñecemos, terían o seu lugar de acción moito máis ampliado ou só eran nomes dados a embarcacións que nada tiñan que ver con estas, pois no santuario arteixán de Nosa Señora de Pastoriza consérvase un ex-voto onde, en referencia a un dos milagres da Virxe, operado sobre unha muller e uns homes a quen salvou de morrer afogados, dise claramente que foi despois de que a «dorna» na que viaxaban entre Betanzos e Pontedeume se vise sorprendida por un temporal aló polo século XVIII. Ó final da velada coincidimos -sen contar coa opinión dos expertos- en que a palabra dorna pode abranguer outros tipos de nave, pero tampouco desbotamos a idea de que esta tivo a súa época de expansión pola costa galega, ata que, coa introducción de novas artes, tamén entraron novos tipos de barcas, quizabes máis adecuadas ó oficio predominante en cada bisbarra. E agora, despedidas dos mares do mundo pola puxante fibra de vidro, as vellas viaxeiras vanse recluíndo e confórmanse con vivir dunha xubilación de paseo, outorgada por filántropos e pescadores afeccionados.