Trazabilidade

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

14 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

TIVO QUE aflorar o desastre das vacas tolas para que se tomaran certas medidas de seguridade alimentaria. Como se somentes uns poucos coñeceramos as trafulcadas do sector e que ningún político tivera comido un filete con máis escuma que nunha lavadora. Foi entón cando a nosa UE ideou o da trazabilidade dos productos frescos, de tal xeito que o consumidor final poida coñecer todo o seu percorrido, incluída a súa procedencia, a partires do 2005, entre eles, os de orixe mariña. Este xornal fixo un sondeo, que publicou hai uns días, que amosa a gran desorientación dos compradores na identificación dos peixes e mariscos. Non todos coñecen que unha centola das nosas rías é moi distinta a unha francesa, que as ameixas de A Pobra non son a chirla italiana, que os percebes de Aguiño diante dos marroquís ¡árdelle o eixo!, e hai quen merca berberechos que non son de Noia, senón de Holanda. Por iso, se hai alguén a quen lle interese que a trazabilidade sexa unha realidade é a Galicia. O 20 de febreiro estamos chamados a facer un pronunciamento sobor dunha Constitución europea que, igual que a procedencia dos peixes, case ninguén sabe de qué vai. Agora ben, se a mín me garanten que temas coma este da trazabilidade van ser unha realidade, votarei afirmativamente. Pola contra, se ninguén me aclara cousas tan sinxelas, coido que escollerei a papeleta do non.