Centenario da poetisa Áurea Lorenzo

| XOÁN PASTOR RODRÍGUEZ |

BARBANZA

OS NOSOS ESCRITORES

30 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

A profesora Aurora Marco, a única que ata agora estudou a súa obra, sinala que pertencía a unha familia numerosa, formada por nove irmáns, fillos dunha redeira e dun patrón de pesca, nun tempo e nun lugar en que había moi poucas alternativas de traballo para as mulleres e así só a costura era unha posibilidade para estas, oficio que Áurea Lorenzo aprendeu en Porto do Son. A escola que recibiu foi pouca, impartida primeiro nunha escola particular en Mantoño e logo noutra de Portosín. Será na emigración onde adquira, como tantas outras e outros, unha maior cultura que lle permitirá mesmo converterse nunha apreciable escritora. En Galicia pouco se levaba feito neses terribles anos da guerra e da primeira posguerra e así só cregos como Daniel Pernas Nieto ou falanxistas como Anxo Sevillano se atreveron a seguir cultivando o galego sen levantar sospeitas do franquismo. Non será ata 1947, ano no que Aquilino Iglesia Alvariño publica Cómaros verdes en Vilagarcía, cando se repón o fío que rompera do nobelo da literatura galega. É por isto que o libro de Áurea Lorenzo cobra certa importancia en momentos tan difíciles para a cultura galega. Non foi esta a única publicación poética de Áurea Lorenzo, pois en 1956 edita un novo poemario, titulado Campanas del cielo, conxunto de 36 poemas en castelán e dedicado a todas as nais do mundo. A maioría dos textos son sonetos que a profesora Marco calificou de ben construídos e preocupados por problemas de tipo filosófico. Non deixa de ser admirable que unha muller de orixe modesta e cunha cultura limitada cando saíu de Galicia lograse acadar un nivel cultural amplo que lle permitiu desenvolver o seu labor de poeta con dignidade e acerto.