Cecilia

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

04 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NON SOMENTES é un nome da patroa dos músicos, senón tamén o dunha comuna, de ideario anarquista, instalada no sur de Brasil por un italiano chamado Giovanni Rossi a finais do século XIX. O experimento fracasou, en palabras do seu creador: «Non porque fose anarquista, senón porque era pobre, e o ser humán sempre desexa o que non ten». Da historia dos séculos XVIII, XIX e XX, polo que se ve, non aprendemos nada e, por iso, estamos recuncando das súas convulsións sociais e dos seus erros. Segundo o PP, o problema máis peliagudo da nova Europa é o terrorismo, cuestión na que o PSOE non disinte. Pois ben, con toda humildade digo que, ámbolos dous, están trabucados. O terrorismo non é un problema, senón unha causa. E a causa é o rexurdimento de diversos novos neonacionalismos. Unha delas foi a chamada caída do muro de Berlín, que xa custou unha guerra no centro de Europa hai case nada. Outra é a dun sentimento reaccionario polas inxustas estructuras sociais dos países do mundo árabe-musulmán. Rusia ten frontes complexas como a de Chechenia. Pódese entender que os vascos e cataláns, dende a perspectiva de que fan máis achegas ao resto do Estado das que conquieren, sexan nacionalistas. O que xa non se entende é que os galegos arrebolemos pedras contras as nosas testas. Coido que algúns deberían pensar nesa frase de Rossi.