A rosa

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

26 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

AQUEL DÍA, supetamente, convertinme nun ser minúsculo. Dun brinco, pouseime no ollal da lapela de Xesús Laíño. Nunca me mirara tan pouca cousa. Sorprendeume o rebumbio, sobre todo aquela voz potente ao saír dos altavoces, a voz soaba atronadora e, por un intre, asusteime. En resumo, nadie me convidara a aquel acto de afirmación política. No meu caso, todo se debera a un infortunado accidente. Era un tipo normal, ata que caera nesa metamorfose inexplicable. Xogaba ao tute cabrón e falaba de fútbol, vamos, un humano correcto. Os feitos transcorrían na Pobra, o partido socialista inauguraba unha nova sede. Dende aquel lugar de privilexio, seguía atento a aqueles decires de tanta claridade. Deixoume bo sabor o secretario de organización dos socialistas de Galicia, Ricardo Varela; falou das casas do pobo, da súa integración no contexto social, tiña a súa lección moito de historia e un certo aire romántico. Gustoume. O presidente da executiva local, Toño Moure, fixo un chamamento á unidade local e comarcal, deixou unha esperanza; loitar pola liberdade e polos dereitos é un acto que dignifica ao ser humano. Mirei baixo aquela arquitectura de estrea, a Natalia Laíño, Ares, Ramón Rego, Xosé Vicente, toda unha representación galega e comarcal. Aplausos. O acto rematara. Laíño botoume unha barafada de lume e comezei a medrar. Unha rosa agromaba e saía pola porta.