Franco

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DESDE FUERA | O |

23 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

COMO TODOS ben coñecemos, son os humoristas os que mellor atinan sobre as cousas serias. Quen queira escribir con obxectividade a historia do franquismo español, debería ter moi en conta a famosa revista La codorniz, que dirixía o xenial Álvaro de la Iglesia. Contan que, rematada a guerra civil, as autoridades catalanas demandaron do Xeneralísimo (Franco) que precisaban, con toda urxencia, alimentos. Din que o xefe do estado respostoulle co seguinte xeroglifo: F.?R.?A.?N.?C.?O. Recibido e descifrado, resultaba: «Fóstedes Republicanos, Agora Nacionalistas, Comede Ostias». Os que o saben din que así foi. Andan os mandatarios de Barbanza, Muros e Noia medio moscas co Plan Galicia, logo de que ZP fixera unha alusión moi por enriba sobre el no seu sermón de investidura. Os nacionalistas polo de «nunca máis», os socialistas de cando dicían «insuficiente» e os populares polo de «agora máis que nunca». Os resultados electorais do 14-M colleron, polo que se ve, contra pé a todos eles. Arriscar posturas, nestes intres, sobre a sensibilidade que o novo Goberno teña de cara a Galicia sería inapropiado e inxusto. Do que ninguén dubida é que, dende logo, a Cataluña de hoxe, republicana e nacionalista, non vai ter a mesma resposta do chiste, pero tamén que, en democracia, as perversións do poder pagan contas.