«A esfinxe de amaranto»

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DESDE FUERA | O |

11 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

MÁIS DUNHA vez, os libros fan por tomar corpo. Provocan no lector a sensación de ter sido atrapado na súa historia. Ábrese o seu horizonte e camiñas, ás apalpadas por esas paisaxes e quédaste nos seus soños. Hoxe, fago por escribir este breve artigo. É posible que non o consiga. Coido que un manual de lecturas non me estaría demais, logo, escollería as menos perigosas para a miña mente. A última novela de Antón Riveiro Coello, A esfinxe de amaranto, convértese nunha novela trampa, unha obra que te come. A narración transcorre por territorios próximos: Corrubedo, Ribeira e, en xeral, Barbanza. Xa noutras latitudes, o Couto Mixto, a raia. Sorprende a construcción das súas paisaxes, ese efecto visual e luminoso, ese mastigar de aire e mar. O libro trata dunha historia humana, dura e conmovedora. As personaxes: Rosa, Carlota e Nicolás, este último afectado por unha enfermidade atroz que o devora, o Alzheimer. O escritor amósanos nestas personaxes un perfil hipnótico e psíquico que te paraliza e rouba. Riveiro Coello trasládanos a través das vicisitudes dunha saga familiar envolvente, fai cuadrar a historia nunha ensamblaxe perfecta. A súa prosa é dunha riqueza singular. A esfinxe de amaranto é unha novela que convida a ser lida e a quedarse nela para sempre.