Un cura comprometido co país

PLÁCIDO BETANZOS GARCÍA

BARBANZA

MATALOBOS

O VENRES, ó voltar dunha viaxe, déronme a nova do teu pasamento. Achégome a Aguiño e topo a igrexa ateigada de xente; facianas de tristura; búscoche no altar e non te vexo, outros curas ocupan o teu lugar rezando a misa pola túa alma. De súpeto as lembranzas bulen pola miña cabeza; fermosos recordos de hai moitos anos cando alguén do teu pobo me dixo que o cura dicía a misa en galego. Alá nos fomos unha tarde a miña muller e máis eu. Era ben certo, escoitei a nosa fala por primeira vez no lugar de reunión dos crentes na nosa fe. As emocións embargabanme, e moito máis despois, cando a predica xiraba en torno ó duro oficio dos mariñeiros. Ó sair souben que alí había un cura comprometido co noso país e co noso mar. Voltamos outros días e a miña admiración medraba cara ti polo teu compromiso. Eu daquela non sabia que, no trasnscurrir do tempo, ia ter a sorte e a honra de ser concelleiro nacionalista. Recordo que un día, na misa, reparastes en min. As nosas olladas atoparonse polo camiño e pareceume apreciar en ti un sorriso de aprobación e complicidade; debestes de pensar: alguén parecido que mistura a fe en Xesucristo e máis no patriotismo. Chamásteme á sacristía e falamos un bo cacho do que se fala entre persoas que non se coñecen pero que teñen fermosos lazos de unión. Recordo que a conversa non xirou sobor da fe nin da patria. Algún día chegamoche pola porta e sempre nos acollestes cos brazos abertos, con xenerosidade, como din as estrofas do noso himno de Galicia: bo e xeneroso. Conversa arredor dunha mesa bebendo un vaso de viño; as horas bulían e eu escoitabache con moita atención, pois ti eras un home sabio onde o teu norte era Xesucristo e tamén o galeguismo; nunha palabra, os homes e as mulleres do noso país. Ó irse paseniñamente baldeirando a igresa vexo o teu cadaleito cuberto pola nosa bandeira. Fermoso xeito de irse, co grande amor e respecto que soamente levan a xente de ben. Respecto e amor de nacionalistas e non nacionalistas de dereitas ou esquerdas. Imaxínoche recibido no alén por patriotas destacando á cabeza os nosos irmáns Alexandre e Daniel; de seguro estaslle contando que falta pouco para que todos e todas podamos vivir nun pais de fartura sen necesidade de emigrar. Sei que hai un cura mozo cunha mirada moi especial que sigue as augas deixadas por ti nos camiños deste mundo; eu estouche ben seguro que así será pois o teu exemplo continuará vivo entre todos nós.