O soño das luces

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

10 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

MOITO ANTES do que eu poidese imaxinar, sucedeume; foi naquela anoitecida, cando a miña sobriña Mónica chegou coa nova. Ela, atoparase ó Nadal no supermercado, estaba conmovida, exultante, toda a súa ilusión estaba naquel bonito soño de luces. Ata este preciso momento, nunca dera en matinar o importante que pode ser eso de toparte un Nadal no supermercado. Mónica, sen máis, atopouno. Polo tanto, é deducible que calquera outro ser humano poida comezar a súa felicidade nunha destas superficies. Recordo, cando cativo, que o Nadal daquela chegaba paseniño, en silencio. Hoxe non, hoxe poida que a pretensión sexa crear un ambiente que dea en derramar esa sensación de dependencia, é dicir, un individuo consumidor. Supoño que esta circustancia non é o fondo de algo premeditado, simplemente é. En Barbanza xa hai moitos días que reflexan as estrelas que anuncian a boa nova do Mesías. Temos os concellos máis iluminados do mundo; sorprendeume o cedo que se utilizou o reclamo. As luces están ben, sobre todo nun país coma o noso de tanta escuridade. Aínda así, será Fenosa a que reciba ós Reis a conta de Xan Pandeiro. Mónica seguirá aí, abrindo as portas dos seus bonitos soños, aínda que sexa sobre a maxia do papel cartón.