DENDE FÓRA | O |
05 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A CULTURA, esa luz, aparece sempre en forma de debate, é un ente vivo, un xeito de entender, de reflexionar, de perder o tempo para ir gañando saber, medrar nese compendio de ideas, de voces que a poucos van construíndo un mundo total onde a crítica se fai a súa aliada máis necesaria. Nestes días celebrouse en Boiro unha semana cultural. Unha iniciativa para felicitar e que coido plenamente acertada. Neste foro debatéronse varios xeitos da arte e do pensamento. Falouse de escultura, poesía, literatura e lingua. Sorprendeume sobremaneira a exposición que o novelista Anxo Rey Ballesteros fixo sobre a nosa lingua e o seu futuro. Na intervención e no posterior debate estiveron Riveiro Coello e Suso Laíño. Tratábase, pois, de reflexionar a partir dun texto previo do propio novelista: A flor da boca . Todo intento de análise sobre un idioma ten certa complexidade. A fala é a flor da boca, unha verdadeira acción de creación poética. O galego foi unha fala parcialmente expropiada e, na maioría dos casos, non conseguíu reapropiarse plenamente. A boca xa non crea palabras, o idioma debe deixarse falar (a linguaxe é a casa do ser). Isto, en síntese, é o dicir de Anxo Rey. O debate estará mentres a fala viva.