01 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.
A sesión de apertura das cuartas Xornadas de Defensa da Cultura Galega, organizadas polo colectivo Sacou, serviu o venres para poñer de manifesto en Noia a impronta deixada por Antón Avilés pola súa condición de expoñente sen parangón do que debe ser un catalizador da identidade cultural propia.
A presidenta de Sacou, Iria Lago, aludiu ós grandes esforzos que fixeron en solitario por mellorar a calidade de contidos e agradeceu o apoio que tiveron, sobre todo a nivel de difusión, por parte do Consello da Xuventude de Galicia. Asemade, lembrou que está a piques de cumprirse o cabodano da traxedia do Prestige e fixo unha chamada de atención fronte os oportunistas do Ano Avilés de Taramancos.
De seguido, Manuel López presentou ós convidados, salientando como nexo común a súa amizade co bardo. A profesora Pilar Sampedro lembrou o inxente número de infraestructuras e soportes que Avilés puxo a andar para dinamizar a cultura, e tivo palabras de eloxio cara ó labor desenvolvido pola desaparecida asociación Catavento, animando a unha das súas fundadoras, Ana Blanco, presente no público, a escribir a historia da entidade.
A xenerosidade e a humildade colosal foron outras das cualidades que a conferenciante atribuiu ó protagonista das Letras. O tamén docente Manolo Barreiro profundizou na vertente humana do autor de Cantos caucanos. Así, confesou a sorpresa que lle produxeron as ansias e a présa que amosaba Avilés, trala súa volta de Colombia, por recuperar o tempo perdido. Do poeta noiés, subliñou ademais a esperanza que depositou na xuventude.
No remate, a poeta e xornalista Ana Romaní describiu o traballo literario do homenaxeado como unha continua recuperación. A poñente destacou cómo Avilés se incorporou á literatura galega cunha voz singular, distinta e distante das do momento.