DENDE FÓRA MANUEL TEIRA | O |
24 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A LITERATURA pode ser unha compañeira inocente. Eu estaba nestas, inocente. Compartiamos certa indiferencia. Un día aconteceu, por primera vez sentín a súa violencia, un ataque visceral que me deixou perplexo. Así pois, pasei a converterme no seu inimigo. A culpa, o escritor mexicano Juan Rulfo, o libro, Pedro Páramo. Toda a crueldade da inocencia está nesas nesas páxinas, aí, esa paisaxe saíndo do texto, esa soedade, esa calor abafante a chisnarte os sesos. Obsesivo habitei os seus páramos. Deixeime ir na súa gravidade e entregueime docemente ó coitelo do verdugo. O tempo fixo que ese instinto aniquilador saíse de min... Máis tarde, fun preso do poeta Konstantinos Kavafis. Tolo, dei en mirar se florecía unha rosa naqueles desertos de Jartum. De xeito que rematei por facerme lector convulsivo e perigoso. Unha víctima da literatura. A paisaxe coma nos textos remata por engulirte. O sol aquí é vontade divina. O Nazareno da Pobra tamén circundou o mundo literario de Valle-Inclán, un escalofrío da imaxe. A esta romaría vés de devoto, logo, a sensación de humidade vaite transformando. Primeiro eres unha pinga, notas como te vas esluíndo, avanzas, agora eres choiva e finalmente faste poza, pucharca, sábelo porque sentes unha tropelía que te salpica por tódalas partes e non afogas.