Plan Galicia

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

11 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A VERDADE, esa utopía chamada esperanza existe. Un pódese pasar toda unha vida prendido dela, aínda que nunca pase nada (a esperanza, din, é o último que se perde). Nesta traza, agardamos sempre por esa ilusoria, cabo deses feitos que endexamais suceden. A esperanza. Digo, nun país coma Galicia xa de por si con fortes doses imaxinativas, faise unha constante (agarda aquel que non ten). Desta vez si, por decreto. O Plan Galicia está aquí. Veu mal, abríndose camiño entre as barcadas de chapapote, pero veu... O capitán do Prestige non acertou a planificar a catástrofe. Un erro. Descoñecía a nosa historia, foi pena para quen o puido ter doado. O amigo común de Cunqueiro, o meigo Merlín, está a vivir dende hai ben tempo en terras de Miranda. O meigo por vello e por sabio atinaría na clave (Mangouras, faga vostede a barbarie un ano atrás). O tempo entón, polo misterio de Merlín daría ficado aínda no ano 2001. O Plan Galicia chegounos nun tempo inapropiado, en plena precampaña electoral. ¡Pouco menos! O destino dos investimentos fíxose a golpe telegráfico, e unha vez máis, outra, en Galicia e en Barbanza démonos esquecido de construir país. ¿Para unha vez que deu chegado a esperanza?