A lingua galega viaxa a pé

Ana Gerpe / Sara Ares RIBEIRA

BARBANZA

S. BALVÍS

Os 450 alumnos da escola O Grupo de Ribeira fixeron carreiras e leron poemas Co gallo do Día das Letras organízanse numerosas actividades en defensa do idioma

13 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Baixo unha calor abafante e coa suor caéndolles polas meixelas, os alumnos do Colexio O Grupo de Ribeira celebraron onte unha particular carreira a prol da lingua galega. Distribuidos en 18 grupos, tantos coma aulas hai na escola, e cun poema nas mans, os rapaces saíron ó galope. Percorreron uns metros dentro do propio recinto educativo, os xustos para achegarse ós micrófonos dende os cales poder ler, con voz alta e clara, un poema na fala vernácula. A de onte foi unha das moitas actividades organizadas polo centro educativo con motivo da celebración, este sábado, do Día das Letras Galegas. A tarde de hoxe está dedicada ó cine no idioma de Luis Tosar, por citar a un actor da terra. Tres son as cintas elixidas polo equipo de Normalización Lingüística do Grupo, segundo a idade dos espectadores. Os cativos contemplarán as aventuras de Jack, rei do Amazonas ; os de primaria, As doce probas de Asterix ; e, o resto, A orella dereita de Antón de Leivas e Tristán García . As actividades prolónganse toda a semana. Deste xeito, mañá terá lugar, no auditorio, un festival dedicado ás letras. Haberá de todo: teatro, recitado de poemas, música e cantigas populares. E por se fose pouco, entregaranse os premios ós alumnos gañadores do cuarto certame literario e de debuxo convocado pola escola. Vai ser para os estudiantes do Grupo unha auténtica semana de festa, sempre coa lingua autóctona presente. O programa lúdico-didáctico chegará ó seu remate o venres. Nese día, empregarán a tarde na recuperación de xogos populares, que tamén forman parte da cultura. As bolas, o tiro da corda, a comba, os pelouros, as carreiras de sacos. A diversión está garantida e, como non, o esforzo dos rapaces por conquerir que o seu equipo quede entre os mellor clasificados. De tódolos xeitos, o máis importante é participar e aprender ben as normas de cada un destes divertimentos de nenos e grandes.