O PSOE DE RIBEIRA puxo o berro no ceo ante a presumible privatización das instalacións privatizables do Parque Natural de Corrubedo, que non son outras que o inmoble do Cielga e pouco máis. Home, verdadeiramente, non sei que é mellor, ¿privatizar ou deixa-las morrer? Coido que o primeiro. O que pasa é que un, que como os asiduos saben é moi desconfiado, ten un non sei que nos miolos que lle leva a remexer nos arquivos da memoria e lembrar soadas privatizacións de empresas que, mire vostede por donde, eran deficitarias ou estaban na bancarrota nas mans públicas e, gracias a un «eculicuá», pasaron a converterse en compañías bandeira desta nova maneira de facer economía. Pois co parque pode pasar algo semellante. As instalacións que se anunciaron no seu día, cando arreciaban as protestas dos verdadeiros propietarios das terras, non se asemellan nin por asomo ás que hai: ¿onde están os acuarios?, por exemplo. A ver si agora que unha empresa experimentada en manter peixes engaiolados para ledicia do turismo fai o que a Administración anunciou e non fixo. En todo caso, a Consellería debería explicar ós propietarios das terras como é posible que eles perderan o dominio das fincas, nun afán desprivatizador, e agora, nun afán privatizador, concede a unha empresa allea a explotación das instalacións. É unha contradicción difícil de asumir, e mais nese estrano sistema de propiedade no que un ten algo, pero non é del.