Non é estraño que xurdan polémicas na práctica totalidade dos concellos da Barbanza nos que, na maioría dos casos, os gobernos están en minoría ou a oposición de turno atisbe unha mínima posibilidade de pegar o salto do incómodo escano inferior do salón de plenos ó apreciado da presidencia. E, ás veces, da a impresión de que algún mandatario con ampla maioría e visos de aumentar ou manter concelleiros, ponse nervioso máis da conta cando o rival político lle saca á luz o mínimo luar da súa xestión. Por exemplo, as liortas de Porto do Son, de Muros ou de Noia, un veas como unha especie de adestramentos clasificatorios, ó estilo dos campionatos de motociclismo. É dicer, aquel que faga mellores tempos farase coa pool position , o que en román paladín ven ser o mellor posto de saída, alonxado dos cobadazos e doutras manobras soterradas que lle poidan facer perder os segundos suficientes para non recuncar. Hai que lembrar que non sempre o piloto máis rápido é o campión, máis ben soe chegar primeiro á meta o máis hábil, o que sabe superar as curvas á súa xusta velocidade, previa unha acertada elección de neumáticos cando o tempo non está claro: pode chover e pode facer sol. Pois nestes tres concellos, algúns parece que xa erran nos adestramentos, o cal é bo porque saben que só teñen que rectificar para facer unha boa carreira. O malo é que, aparentemente, non son conscientes de que o rival vai por diante cara a consecución da pool position, á velocidade adecuada porque hai chuvias e tormentas... Outros semella que aínda non se deron conta de que a proba xa está en marcha... O que non deixa de sorprender é que ós alcaldes de Pobra e de Boiro lle entre o tembeleque porque ó primeiro lle restregan pola cara o incumprimento dun auto do Tribunal Superior, e ó segundo, o resultado dunha enquisa sin rigor ningún, que non deixa de ser unha sección máis da publicación da patronal, cuios resultados ata poden ser inventados ou dirixidos co ánimo de dar un toque de atención ó goberno local. Seguindo co simil do campeonato de motociclismo, é como si a Rossi, vixente campeón da cilindrada reina, se lle ocurrira frenar nunha carreira amplamente dominada e casi gañada para berrar cun piloto ó que acaba de dobrar... ¿Saben cal pode ser o resultado? Que os que veñen detrás, ás caladas, acaben alcanzando ó confiado vencedor, e deixe así escapar a reedición da carreira.