A Barquiña estrea un xardín botánico

SARA ARES LEMA NOIA. CORRESPONSAL

BARBANZA

ares

Alumnos e profesores do Colexio Alexandre Rodríguez Cadarso promoven unha mostra con máis de 70 plantas A natureza é o tema principal escollido este ano polo Colexio Alexandre Rodríguez Cadarso de A Barquiña para festexar a xornada adicada ás Letras Galegas. Profesores e alumnos deste centro noiés inauguraron o luns unha exposición integrada por máis de 70 especies vexetais, maioritariamente árbores autóctonas. As plantas converteron as dependencias nun auténtico xardín botánico. A iniciativa ten a súa vertente didáctica, xa que os rapaces tiveron que elaborar fichas de cada exemplar. Coa axuda dos datos aportados, os escolares participan nun concurso no que teñen que adiviñar varias cuestións relativas ó tema.

14 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A comunidade educativa do colexio Rodríguez Cadarso preparou con bastante tempo de antelación as actividades conmemorativas das Letras Galegas. Tanto é así, que, dende fai varias semanas, os rapaces de tódolos cursos trouxeron das súas casas unhas fichas nas que pegaron un feixe de follas de moi diferentes especies arbóreas. Nos últimos días, tanto profesores como estudiantes carrexaron ata as dependencias educativas ponlas de árbores e plantas, cultivadas en macetas. Entre as que clasificaron de portas adentro e as que teñen no xardín exterior do centro, recabaron información do nome e as curiosidades de máis de setenta exemplares vexetais. A maior parte das pezas que conforman a mostra botánica poden contemplarse desde o pasado luns nos pasillos do colexio, onde permanecerán expostas unhas dúas semanas. A documentación que acompaña a cada planta xoga un papel relevante, xa que tódolos rapaces do Rodríguez Cadarso, desde Infantil ata sexto de Primaria, teñen que consultala para poder participar nun concurso que se desenrola na biblioteca do centro. Cada día, os docentes formúlanlles unha pregunta. Para respostala, os nenos dispoñen dunhas pistas escritas que os conducen a aqueles paneis nos que se atopa a solución ó acertixo. A resposta téñena que plasmar nun papeliño e depositalo nunha furna. Compiten por equipos. Os que obteñan os mellores resultados terán uns diplomas do centro. Esta experiencia de aprender xogando non é a primeira vez que se pon en marcha con éxito no colexio da Barquiña. No primeiro trimestre do ano promoveron unha exposición sobre a UE e os países que adoptaron o euro como moeda propia.