A Xunta concedeu ó centro o terceiro premio da provincia dentro da campaña «Entre nós en galego» O colexio pobrense Salustiano Rey Eiras está de noraboa. A Xunta acaba de conceder ó equipo de normalizazión lingüística do centro educativo o terceiro premio da provincia coruñesa dentro da campaña «Entre nós en galego» polo traballo feito por este departamento. O colexio celebra ademais o Día das Letras Galegas ca edición dunha revista adicada ó investigador Martín Sarmiento e ó escritor recentemente falecido Carlos Casares. Unha exposición achega tamén ós rapaces a vida e obra destes dous autores.
14 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O galardón concedido pola Dirección Xeral de Política Lingüística consiste en 962 euros (unhas 160.000 pesetas) en material escolar, e entregarase este sábado no Teatro Colón de A Coruña. Non é a primeira vez que o centro recibe esta distinción, xa que o ano pasado, o gabinete que coordina María del Carmen Castro Lage recibiu o segundo premio nesta mesma iniciativa. O colexio enviou á Consellería unha memoria con todas as actividades efectuadas no eido da normalización lingústica, que van dende exposicións e unidades didácticas para traballar os rapaces durante as clases ata outras como a mostra Érase unha vez , que se montou na biblioteca e que trataba sobre contos e tamén lendas tradicionais. Unha actividade que tamén xurdiu do equipo de normalización lingüística foi a celebración da Semana da Prensa na Escola, na que os rapaces introducíronse no proceso de elaboración dunha nova, dende o momento no que se produce ata que se publica. Recoñecemento O director do Salustiano Rey Eiras, Xosé Andrés Pérez García, afirmou sobre o novo galardón: «É un recoñecemento á laboura que facemos para fomentar o uso do galego; o ano pasado xa nos deran o segundo premio». No marco da celebración do Día das Letras Galegas, o centro editou unha revista na que se recolle ampla información sobre a figura do investigador Martín Sarmiento e tamén sobre o escritor recentemente desaparecido Carlos Casares. A publicación será repartida entre a comunidade escolar do colexio. A maiores, das paredes dos pasillos do edificio colgan varios murais nos que se analiza tamén a vida e a obra destes dous autores, que poden visitar todas as persoas interesadas neles no horario de apertura do centro.