«O pan artesanal está de moda»

La Voz

BARBANZA

CARMEN BROZ A ENTREVISTA José Ignacio Espasandín Pérez, panadeiro do municipio de Muros

27 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

José Ignacio Espasandín ten 25 anos e criouse nunha panadería. Hai 20 anos, o seu pai abríu un forno e agora el ten un da súa propiedade en Muros. Nel segue dando forma ó pan de bola, a especialidade da casa, que comenza a preparar dende primeiras horas da madrugada para telo listo ás oito da mañá, cando os repartidores o recollen para levalo ben quente polas casas. -No seu traballo hai que madrugar moito... -Si. No verán, empezamos sobre a unha da madrugada, no inverno ás dúas ou dúas e media. Traballamos ata a mañá, cando chegan os repartidores para reparti-lo pan ben fresquiño. Eles chegan ás oito e volven ó redor das dúas da tarde. -¿Canta xente traballa no seu forno? -Eu, que son o panadeiro, un pasteleiro e un axudante. -¿Tamén teñen tenda? -Si, temos un despacho con salón de té en Muros e unha tenda pequena xunto ó obradoiro. -¿Cal é o seu ámbito de reparto? -Repartimos por todo o municipio de Muros, Noia e ata Cee; tamén vendemos en Corrubedo, O Pindo... -¿É un oficio moi sacrificado o seu? -Un pouco, por ter que traballar de noite, pero depende de como se leve. O malo é que non podes descansar ningún día. Se tódolos panadeiros da zona chegasemos a un acordo, poderíase pechar un día pero hai algúns que son moi cabezudos e non queren. Hai quince anos non pasaba nada, pero agora existe moita competencia e se non tes aberto o domingo, os clientes cambian de sitio. -Pero algo bo terá esta labor, ¿non? -A xente di que os panadeiros facemos moito diñeiro, pero o que temos é pouco tempo para gasta-lo que gañamos. A min gústame porque é un traballo artesanal, é algo que me fai sentir realizado. En verán, no forno, pásase mal, pero en inverno presta moito saír da cama ó frío da rúa e saber que pronto entrarás en calor. -Vostede que é un profesional, ¿cal cre que é o pan de maior calidade? -Sen dúbida, a bola de pan. Ó ser máis ancha, ábrese máis; ten unha porcentaxe máis alta de trigo do país e a masa déixase descansar moito tempo, o que lle da mellor sabor. Nós levamos vinte anos asándoa; é o que mellor sabemos facer. -Hoxe en día, ¿a xente compra no forno ou vai máis ó supermercado? -O consumo depende do empeño, no noso caso vamos a máis. O que cambia por temporadas é o tipo de pan que se merca; agora está de moda o artesanal.