ALBERTO HEVIA LA ENTREVISTA Xesús Santos, autor, director e actor da obra «Ronsel de estrelas»
31 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Xesús Santos Suárez (Asados-Rianxo, 1936) é autor dun feixe de libros de poesía, teatro, ensaio e tamén infantil. Profesor de Literatura e gran admirador de Manuel Antonio, o vindeiro sábado actuará na praza de Rafael Dieste xunto co grupo Airiños, de Asados, a partir das dez e media da noite, na representación da obra teatral Un ronsel de estrelas, en homenaxe ó poeta. Escrita e dirixida por el, esta peza trata da historia lírica dun vello navegante a bordo dun veleiro que se chama tamén Manuel Antonio. -¿Por que escribíu esta obra de teatro? -É un tributo sinxelo en homenaxe a Manuel Antonio, a quen tanto lle deben os de Asados pola súa vida exemplar, entregada a culturiza-la nosa patria. El abríu novos guieiros, camiños que estaban pechados. Manuel Antonio marcou a pauta deses novos roteiros. -¿Cando se fundou o grupo Airiños? -Esta agrupación é a máis antiga de Galicia. Non hai ningunha outra que estea funcionando dende 1933. A primeira actuación foi en Asados, na escola na que era mestra a nai de Manuel Antonio. O grupo constituírono os curmáns de Castelao, os irmáns Insua. Ós mozos da parroquia gustoulles e foi coma unha semente que quedou en terra boa. A proba é que aínda segue vivo. -¿Que significa o teatro para vostede? -É un escaparate da vida, o propio mundo. O teatro enriquece moito e incluso é un medio extraordinario de formación da xuventude, unha asignatura formidable que pode abrir vocacións, reforzar a personalidade e correxir defectos de timidez. Axuda a supera-los problemas que se padecen. Os actores transfórmanse noutra persona e ármanse de valor. -¿Que tipo de obras representa Airiños? -Sempre fixemos teatro galego, porque é a leira onde podíamos sachar mellor, claro que tivemos problemas no franquismo. Téñennos multado e censurado, pero a xente respondía dunha forma extraordinaria. -¿Que significa para vostede Manuel Antonio? -Un personaxe que ten unha forza dramática e expresiva extraordinaria, un referente na miña vida. Lín tanto De catro a catro e ata cheguei a memorizalo todo. -¿Cal pensa vostede que é o futuro de Galicia? -Que a xente recobre un pouquiño máis a identidade. Hoxe está todo moi difuminado coa globalización, pero podemos ser universalistas e ó mesmo tempo seguir sendo galeguistas, sen esquece-las nosas esencias e sen ter que ser sucursal de ningunha outra nacionalidade.