Rianxo reparte o programa de actos entre as parroquias

A. HEVIA RIANXO

BARBANZA

09 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A casa de cultura de Rianxo será escenario os vindeiros días dunha serie de actos organizados polo Concello para conmemora-lo Día das Letras Galegas. Para diversifica-la oferta, algunhas actividades desenvolveranse nas parroquias de Isorna ou Taragoña. O programa comezará mañá e prolongarase ata principios de xuño. Nel inclúese unha exposición de pintura de María Jesús Reboredo. As actividades iniciaranse en Taragoña, onde o centro cultural e deportivo celebrará varios festivais de música e baile tradicionais. En Isorna, na sede da agrupación Faustino Rey Romero, actuará o día 19, a partir das oito da tarde, a escola de danza e pandereteiras da entidade. A continuación intervirá o coro de Taragoña. O día 18, ás oito e media do serán, o profesor Clodio González falará en Rianxo sobre a obra de Eladio Rodríguez González, figura á que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. A xornada seguinte disertará a escritora Luisa Villalta. O cuarteto clásico de Mijail Moriatov ofrecerá un concerto o día 20, ás oito e media do serán. O 25 subirá ó escenario o grupo musical Mama Cabra. A mestra Margarita Santiago presentará o día 26 o libro de Xesús Costa Rianxo no antigo réximen. A continuación, terá lugar un recital poético a cargo da tertulia rianxeira Galicia Viva. O coro do Liceo actuará o 27, ás oito e media do serán, na igrexa de Santa Columba.