F. SARASQUETA LA ENTREVISTA Manuel Vicente «Chapí», autor de «Louvanzas e lembranzas rianxeiras» «A miña foi unha vida adicada á música e ó espectáculo», di Manuel Vicente «Chapí» cando se lle pregunta pola antigüedade da súa entrega ás artes e á cultura. E o seu, como demostra no libro recentemente publicado, «Louvanzas e lembranzas rianxeiras», tamén é a literatura, en forma de poemiñas sinxelos adicados á súa vila e ós veciños, de composicións feitas a xeito de agradecementos por toda a materia prima que lle proporcionaron as xentes de Rianxo para vivir e, en última instancia, para escribir.
23 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.O rianxeiro Manuel Vicente Chapí é un home delicado de saúde. Pero coma o guerreiro das artes que en realidade é, aínda ten folgos para publicar dous libros -o último editado é Louvanzas e lembranzas rianxerias-, fundar un grupo de música, editar un disco e lle dar os derradeiros retoques a outro libro máis sobre os persoeiros da cultura da súa vila, obra lista para ir ó prelo. _Vostede atópase máis activo ca nunca nestes últimos anos. Publica dous libros e funda e lidera a agrupación Chapí, ¿non é verdade? _Si, é verdade. Saquei á luz dous libros e fundei o grupo. _Respecto ó seu conxunto musical, tamén foi editado un disco hai pouco, ¿nonsi? _Si, hai uns dous meses. Títulase Cantando a Rianxo. _E agora o libro... _Si, o libro Louvanzas e lembranzas rianxeiras. _Fálelle un pouquiño ós lectores del, do que vostede incluiu nas súas páxinas. _Si, en primeiro lugar, hai corenta poemas meus nos que louvo a Rianxo e ás súas xentes. Nun segundo capítulo, incluín composicións sobre as fermosas mulleres desta vila mariñeira. A continuación, hai unha serie de relatos en verso, coma o que conta a amizade entre a mariscadora María a de Xan de Tello e un gardapraias, ou a da historia do castelo da Lúa, tamén de Rianxo, pertencente á Orde dos Templarios. _Pero hai máis, ¿non? _É certo. Hai longos poemas adicados ó director de El Barbero Municipal, Xosé Arcos Moldes, o home que se afanou coma ninguén por mellorar esta vila. _E tamén hai cancións... _Si, unhas 55 cancións miñas, con letra e música. _Poderíase dicir que este libro e máis o outro publicado, son unha recopilación de toda a súa obra. _Polo menos da máis destacada. Teño máis cousas feitas pero hai algunhas delas que non poderán ver nunca a luz.