Caleiro, o supervivinte ao desplome dunha cuberta

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

O equipo vilanovés leva 26 anos nas Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra, hoxe cun plantel no que máis da metade dos xogadores superan os 50 anos

21 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que o que máis temían os bravos galos era que o ceo se lles caese enriba. Algo semellante padeceron os xogadores da S.D. Caleiro, cando viron voar sobre as súas cabezas o teito da grada do vello campo do Mosqueiro nas Sinas en febreiro do 2006. Voar, e caer tan preto como o centro do terreo de xogo onde estaban a disputar un dos moitos partidos que desde a súa constitución na tempada 1989/1990 levan disputando nas Ligas da Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra.

Luis Piñeiro Roma, O Rubio, promotor do equipo, e actual xogador e delegado da S.D. Caleiro, recorda a que é sen dúbida a grande anécdota na historia do equipo. «Un temporal tirou todo o muro de pedra do peche, e voou o teito de chapa da grada. Había xogadores fóra do campo e algún afeccionado debaixo, veu un refacho grande e a grada comezou a vibrar. Non lembro quen era o rival. Empezamos a escoitar ?Coidado, coidado?. Foi como un platillo voante que caeu no medio do campo. Por sorte deunos o tempo de vilo vir, e mentres comezaba a moverse, apartamos».

O Rubio, o único dos fundadores que continúa no equipo xunto con Andrés Torres, repasa a orixe da S.D. Caleiro. «Eramos todos xogadores de Rexional de Vilanova, da Illa e de Vilaxoán, moitos acababamos de deixar o fútbol afeccionado, e queriamos seguir xogando unha vez á semana». Entre eles, un ex profesional como o mediocentro ourensán Juan Castañeiras, que militara no primeiro equipo da súa cidade natal e no Compostela.

Nos anais do conxunto vilanovés figura máis da metade da súa historia na máxima categoría das Ligas de Veteráns. E tamén dous ascensos consecutivos coa curiosidade de ter o Sanxenxo como compañeiro de salto en ambos, no primeiro coa S.D. Caleiro como campión e na seguinte á inversa.

Hoxe o cadro vilanovés, con arredor do 50% do seu plantel por riba dos 50 anos, e algún mesmo dos 60, avanza na metade do Grupo 2.ºB. Disfrutando da cervexa e da charla de despois do partido, e lembrando unhas orixes da Liga con moitos menos equipos, e «máis irmanados todos».

liga de veteráns uns cincuentóns moi novos